Camilo Vila: "Ás mañás daba clases nun máster, e polas tardes recollía patacas"

Camilo Vila foi escollido polos nacionalistas limiaos para encabezar as vindeiras listas do BNG para a alcaldía de Xinzo en sustitución de Ramiro Rodríguez, actual concelleiro de Cultura. 

Sempre estivo vencellado ao BNG?

Non. Si que formei parte de Galiza Nova cando era rapaz, pero eu sempre estiven vencellado ao asociacionismo e á dinamización comunitaria e deportiva -fútbol gaélico-. Dende que rematei a carreira vivín en Coruña e Santiago, e en novembro regresei para facer a miña vida aquí. Pensei que onde mellor podía facer país e pobo era no Bloque. 

Regresou ao rural por unha cuestión laboral?

Non, de coherencia. Teño 37 anos e non quería seguir fóra. A pandemia acelerou esa volta. 

Como xurdiu a posibilidade de encabezar as listas do BNG?

Foi un pouco por construcción e outro pouco por aclamación. Escoitei iso de “que pasaría se ti lideraras o proxecto?” e fun consultándoo coa xente do partido. 

Cun concelleiro formando parte do goberno, ¿era o momento dun cambio?

Cambiou o contexto. Ramiro fíxoo xenial cando o Bloque viviu as súas etapas máis duras, pero con augas favorables consideramos que precisábamos un perfil máis intenso. 

De Xinzo que cambiaría?

Cómpre un plan estratéxico, pero que non pode saír da cúpula política, senón da xente. Pero eu agora non me atrevo a falar de proxecto electoral. 

Fará un proceso de escoita previo, que están de moda?

Hai xente que se está achegando a min con cousas que dicir. Teño tomado máis cafés nos últimos 15 días que nun ano enteiro!

Xa está en campaña, entón.

No, no. (Ri) Comecei a xuntar cousiñas e información para despois construir a campaña. 

Fará vostede a lista?

Non, será a asemblea local. 

Cal pensa que é o seu maior potencial político?

Penso que son capaz de canalizar e capitalizar enerxías e ilusión. Entendemos que iso era o que facía falta para impulsar en Xinzo esa tendencia positiva do partido e de Ana Pontón. 

Nunha vila, o ter vivido tanto tempo fóra e que moita xente non o coñeza pode xogar en contra?

Sempre fixen vida na Limia, sempre fun limiao. Collín as vacacións toda a vida para recoller as patacas cos meus pais. Polas mañáns daba clases nun máster e polas tardes recollía patacas. 

Nas últimas eleccións deuse un escenario moi fragmentado en Xinzo, cal das formacións do cuatripartito pensa que se verá máis beneficiada nas vindeiras?

Con toda seguridade non serán as catro as beneficiadas; de feito, unha delas (Xinzo Adiante) xa non se vai a presentar. Hai unha opinión maioritaria de que o Concello ten mellorado e a nós (BNG) penso que iso, sumado á dinámica positiva do Bloque, nos vai a reforzar.n

Te puede interesar