A LIMIA

A casa niño de Lodoselo xa está en funcionamento

casa niño
photo_camera Dous cativos da casa niño de Lodoselo realizan manualidades.
O espazo infantil do municipio abriu as súas portas logo de meses de trámites burocráticos

A casa niño del pueblo de  Lodoselo (Sarreaus), integrada no amplo programa de servizos que se ofertan dende o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, abriu, por fin, as súas portas logo de varios meses no que os seus promotores tiveron que solventar numerosos trámites burocráticos. Será o primeiro centro destas características co que conte o concello de Sarreaus, e no seu acondicionamento investíronse preto de 16.000 euros.

Este espazo está ideado para cativos de entre cero e tres anos, unha etapa da vida que o CDR considera de vital importancia. Por este motivo, fan fincapé en potenciar o enfoque educativo e non só o asistencial. "Trátase dun periodo fundamental para toda persoa e cremos que temos a responsabilidade de abordalo de xeito profesional, responsable e con respecto á infancia", apuntaron dende esta entidade rural ubicada en Lodoselo. 

Aproveitando a proximidade do Centro de Inclusión -aínda que cada servizo ten unha entrada diferenciada- os responsables de O Viso queren promover o enriquecemento persoal aproveitando a "oportunidade de mesturarnos nenos, nenas, maiores e persoal do centro, para convivir e aprendermos uns dos outros". 

A casa niño é un proxecto piloto financiado pola Xunta de Galicia e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e en toda a provincia de Ourense hai máis dunha docena de centros.

Te puede interesar