Castro Caldelas lembra as raíces da lingua galega

Vecinos, políticos e xuristas acudiron á homenaxe de Claudio Movilla 

Castro Caldelas converteuse onte na capital das "Raíces da lingua" con motivo dos actos conmemorativos do trixésimo aniversario da primeira sentenza ditada en lingua galega despois de cincocentos anos de proscrición nos usos xurídicos e xudiciais, trala prohibición dos Reis Católicos do uso do galego nas audiencias. "O 27 de marzo de 1985 a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial, integrada polos maxistrados Ricardo Leirós, Gonzalo de la Huerga e Claudio Movilla, veciño desta terra, inauguraron coa súa sentenza o rexurdimento lingüístico do galego nas actividades xudiciais", subliñaba Xosé González Martínez, secretario da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, que lembrou como Castro Caldelas foi clave tamén noutro fito na historia da lingua galega cando "no ano 1228, o rei Alfonso IX dicta o Foral do Burgo da vila, o primeiro documento recoñecible integramente en galego".

Casualidade ou non, ambos feitos tiveron que ver coa vila, que onte albergou unha sinxela homenaxe a cal acudiron membros da familia de Movilla, profesionais da xudicatura e do mundo do dereito, políticos e veciños en xeral. O acto comezou puntual ás doce e media coa descuberta dunha placa conmemorativa na casa onde naceu Claudio Movilla. Posteriormente, os presentes trasladáronse ao interior do Castelo, para seguir coa parte máis "pedagóxica" relacionada co uso e reivindicación do idioma a través dunha dobre sinatura. Por un lado, 30 alcaldes ourensáns e lucenses comprometéronse a galeguizar a actividade xurídica das comporacións locais coa sinatura do texto bautizado como "Declaración de Castro Caldelas". Un compromiso ao que se sumaron preto de 150 veciños a través do documento "Para sermos máis nós" onde subliñaron que demandarán o uso do galego nos trámites civís e xudiciais.

Te puede interesar