Cerredelo, fillo predilecto por "afondar na historia de Xinzo"

pleno xinzo
photo_camera O pleno aproba por unanimidade o nomeamento de Cerredelo como fillo predilecto
O pleno aprobou por unanimidade o nomeamento do cronista, ademais das contas xerais de 2021

Xinzo de Limia contará cun novo fillo predilecto. Motivados polo apoio da cidadanía e co apoio de todos os grupos políticos, aprobouse no pleno extraordinario celebrado este mércores no salón de plenos do Concello de Xinzo de Limia o expediente de honra ao cronista Edelmiro Martínez Cerredelo, polo que será nomeado fillo predilecto e recibirá a Medalla do Concello de Xinzo de Limia. Na sesión destacouse o “esforzo incansable do historiador e cronista local por afondar na historia do municipio”, anotaron en Xinzo.

Ramiro Rodríguez, concelleiro de Cultura, exerce como instrutor do procedemento para acreditar os méritos do limiao. Por iso expuxo no pleno a memoria pra o outorgamento do distintivo honorífico: “A actividade investigadora do cronista local deu lugar a publicacións en diversas revistas e oito libros editados que gozan do recoñecemento da cidadanía, en xeral, e de historiadores eruditos en distintas áreas temáticas polas súas valiosas aportacións”. 

Data por determinar

Dende o Concello de Xinzo queren lembrar que os trámites para nomear a Martínez Cerredelo fillo predilecto da vila “comezaron despois de que se rexistraran máis de 300 firmas na plataforma change.org, unha mostra máis do recoñecemento da cidadanía ao traballo deste veciño implicado co seu concello e comarca”. A alcaldesa Elvira Lama explicou que o acto institucional no que se lle outorgará a Medalla do Concello celebrarase “en canto se acorde co historiador e a súa familia”. 

Ademais, no pleno extraordinario celebrado onte, tamén se aprobou de forma definitiva a conta xeral do exercicio 2021. Esta aprobación realizouse cos votos a favor do equipo de goberno e cos votos en contra da oposición da capital limiá.

"É necesario poñer en valor o noso potencial turístico"

Edelmiro Martínez Cerredelo (Xinzo, 1946) é cronista local e historiador. Tras anos de traballo en diferentes sectores, dende 2004 dedicou o seu tempo a afondar na historia da Limia. Foi ese esforzo por descubrir os tesouros de Xinzo polo que o Concello decidiu, xunto co pobo, nomealo fillo predilecto da terra que o viu crecer. Cerredelo continuará investigando sobre a comarca limiá e reivindicando un aproveitamento dos recursos.

Xinzo de Limia 27/7/21
Fotos a Edelmiro cerredelo en Xinzo

Fotos Martiño Pinal
Cerredelo en Xinzo. (Foto: Martiño Pinal).

Que supón para vostede este recoñecemento?

Un honor e unha grande satisfacción. Que o meu concello, por petición popular, me conceda esta importante distinción é un orgullo. Estou moi agradecido a todos os que participaron na solicitude na plataforma change.org, e a toda a corporación municipal que preside a alcaldesa, Elvira Lama, pola concesión. 

 

En que momento se decantou por dar a coñecer Xinzo?

Dende sempre tiven paixón pola historia e unha grande frustración pola falta de historia escrita da miña terra, esa que é o meu fogar. Dende a miña prexubilación e  o meu paso pola universidade me animaron a investigar sobre Xinzo e A Limia, nun principio ía ser para o meu propio coñecemento, pero a medida que atopaba cousas interesantes tomei a decisión de que non podía quedar para min: tiña que compartir esas historias fascinantes cos meus veciños. 

 

Agora que fala da universidade… Que supuxo para vostede acceder a ela de xeito “senior”?

O meu paso pola universidade senior do campus de Ourense, serviu para aliviar a miña frustración por non poder ir no seu día por motivos económicos.  Na universidade senior non te especializas nunha carreira concreta, é un título propio da universidade de Vigo no que se estudan diversas materias, o que me serviu para decatarme de que tiña coñecementos e habilidades que descoñecía e que me levaron a investigación histórica, algo que sempre me gustou, como dixen.

Cales son os maiores tesouros da Limia?

Está chea de cousas moi interesantes para ver e coñecer, destacaría o convento de Trandeiras, o castelo de Pena, as torres de Sandiás e Porqueira, pazos, e o románico de moitas das modestas igrexas da comarca. Boto en falta a coordinación dos concellos para poñer en valor todo o potencial turístico que temos, é necesario. 

 

E para vostede, que significa esta comarca?

A Limia é o meu lugar de nacemento, o fogar onde me criei de neno, é a miña terra, o lugar onde volvín logo de terminar a vida laboral. Terra que levo e levarei sempre no meu corazón.

Te puede interesar