As rúas da zona vella da vila ateigáronse de xente para gozar das evolucións dos xogadores, que lanzaron máis de 300 olas
Xinzo viviu onte, da man do Domingo Oleiro, a segunda xornada dunha fin de semana repleta de tradición dentro do ciclo do Entroido. Un día festivo que estivo marcado, inevitablemente, polas precipitacións rexistradas durante toda a xornada.
Transportado por membros da comisión e da asociación cultural A Pantalla, o carro das olas para o Oleiro Infantil partiu ás 12,30 horas dende o Museo Galego do Entroido ata a praza Maior. O mal tempo impediu ás agrupacións de gaiteiros acompañar con música o percorrido do desfile, pero moitos se animaron a facelo cantando.
Gracias ás carpas instaladas na zona vella, ao redor de 30 cativos disfrutaron do xogo das olas na praza Maior e en Xoan XXIII.
As choivas foron máis intermitentes de cara á tarde, pero o mal tempo continuou ata o final do día. Sen embargo, os contratempos meteorolóxicos non lles amainaron as ganas de festa a moitas das persoas que se achegaron, caracterizadas dos anos 20 e 30, ata as rúas da zona vella para participar do lanzamento das olas.
O Oleiro senior comezou ás 17,00 horas. Ao redor de 40 persoas xogaron coas case 300 olas preparadas para o xogo da tarde. Á noite continuou a festa coa música tradicional das agrupacións de gaiteiros de Xinzo e Sarreaus polas principais rúas da vila.
PRÓXIMA CITA
A vindeira cita co Entroido de Xinzo será o sábado, 18 de febreiro, coa Noite de Corredoiro. A festa iniciarase ás 21.30 horas ao ritmo das charangas. Ó día seguinte será o Domingo Corredoiro, unha das citas máis agardadas, pois traerá a primeira saída das pantallas ás rúas da vila. A animación comezará a partir das 12,00 horas e prolongarase ata ben entrada a noite.