EDUCACIÓN

O colexio de Rairiz busca novos alumnos para evitar o peche

Escolares Rairiz_result
photo_camera O grupo de nenos e nenas de Primaria do CEIP Carlos Cid Arregui, de Rairiz de Veiga.

O director reclama aos nenos da comarca que na actualidade acuden aos centros saturados de Xinzo

A reivindicación que fai Juan Francisco García González, director do colexio Carlos Cid Arregui de Rairiz de Veiga é "que os cativos da comarca, sobre todo os de Rairiz de Veiga e Vilar de Santos veñan ao noso centro, xa que está perfectamente dotado con todos os medios necesarios". Na actualidade, asisten a este colexio un total de 69 rapaces pero o número de matrículas chegou a superar as 600. "Entre os anos 80 e 90 moitos dos mestres que exercen a súa profesión en Ourense formáronse aquí", explica Francisco. "A partir desa década a cifra comezou a decaer e xa levamos uns cantos anos nos que non superamos os 100 alumnos". 

A pesar do declive, non todos os cursos escolares foron malos no que atinxe ao número de matrículas. "Tivemos un par de anos bos, nos que entraron bastantes nenos en Infantil. Este feito permitiunos remontar un pouco pero, aínda así, hai moitos nenos que, ao traballar os pais en Xinzo e aínda que vivan en Vilar de Santos ou en Rairiz, van á capital da comarca ao colexio", di o director do centro. 

"É unha mágoa porque tanto o Rosalía de Castro como o Carlos Casares empezan a estar saturados de nenos e o noso centro, con todas as renovacións que fixemos nos derradeiros anos, está desaproveitado", engade. Neste senso, unha inversión da Deputación permitiu reformar a cociña escolar e a Consellería de Educación, a través da Unidade Técnica de Ourense, arranxou o tellado, pintou o patio e puxo dobre ventá nas aulas. "Tamén este ano nos puxeron internet", subliña Francisco. "Antes tiñamos, pero a conexión era moi lenta. Agora os rapaces poden acceder sen problema e, ademais, contan con sala de informática e pantallas dixitais nas aulas". 

Hoxe en día, o Carlos Cid Arregui ten dous mestres de Educación Infantil, dous de Primaria, tres especialistas ( Ximnasia, Música e Inglés), un docente de Relixión Católica e unha de Audición e Linguaxe . O centro tamén conta cun servicio de orientación que atende aos rapaces durante tres días á semana. "Os pais están moi contentos coa orientadora. Calquera cousa que pasa van a xunto súa", di o director. 

A pesar de que os seis cursos de infantil están agrupados en tres debido ao ratio que establece a Xunta, para o vindeiro curso escolar primeiro e sexto poderán desdobrarse. "Sexto e primeiro serán cursos independentes porque acadamos os 19 alumnos entre dous niveis", explica Francisco. "Primeiro era o que mais o necesitaba porque é o curso onde os nenos aprenden a ler e a escribir. Catro ou cinco rapaces mais solucionaríanos a vida porque poderíamos desdobrar o resto dos cursos e ter mais mestres", engade. "Unha redistribución das zonas educativas a prol de que os cativos de Porqueira, por exemplo, puidesen vir a este colexio tamén sería positivo para evitar a nosa desaparición". 

Te puede interesar