EMPREGO

O Concello de Vilar de Santos suma catro traballadores ao servizo de axuda no fogar

Os novos traballadores prestarán servizo a un total de 23 persoas en situación de dependencia 

O Concello de Vilar de Santos ven de finalizar un proceso selectivo para a contratación de catro profesionais de axuda a domicilio.

 A resolución deste concurso de carácter público, no que participaron máis de vinte auxiliares, coñeceuse o pasado 20 de febreiro. Os novos traballadores, todos mulleres, incorporaranse a súa labor durante o día de hoxe, mércores.

No proceso participaron máis de vinte persoas de toda a comarca da Limia e, aínda que soamente adquiriron praza as catro primeiras, o resto pasará a formar parte dunha bolsa de emprego. 

Segundo fontes municipais foi "a vez que máis xente se presentou a un concurso destas características". 

As novas traballadoras atenderán a un total de 23 usuarios tanto de dependencia como de libre concorrencia, sendo estes últimos aquelas persoas que non contan con valoración de dependencia pero dos que se entende dende Servizos Sociais que, pola súa situación de vulnerabilidade, deben ser atendidos polo servizo de axuda a domicilio.

A xornada de traballo para estas profesionais será 25 horas repartidas de de luns a domingo, incluídos os festivos. O contrato terá unha duración de 10 meses. 

Neste sentido e segundo sinalou Xan Xardón, alcalde de Vilar de Santos, os servizos sociais son, para o Concello, " esenciais e prioritarios xa que mellorar a calidade de vida das persoas é algo fundamental." O rexidor local engade que "mentres noutros lugares están recortando axudas nesta materia para Vilar de Santos é unha importante inversión que non se debe deixar de facer". 

Te puede interesar