LETRAS GALEGAS

Concello e Xunta planean os actos do 17 de maio en Xinzo

Letras Xinzo_result
photo_camera De esquerda a dereita, Luis Miguel Gil, Luis González Tosar, Antonio Pérez e Anxo Lorenzo.

A vila acollerá un amplo programa institucional e a sesión plenaria da Real Academia da Lingua 

Xinzo segue a preparar os actos vencellados á celebración do Día das Letras Galegas que este ano se adica a Carlos Casares. A conmemoración do 17 de maio terá na vila o seu epicentro e, por este motivo, representantes institucionais reuníronse no Concello limiao co obxectivo de planificar os actos do día grande das Letras Galegas. 

Á xuntanza asistiron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, o concelleiro de Cultura de Xinzo Luis Miguel Gil e o escritor Luis González Tosar. 

As actividades do día 17 terán dous eixos fundamentais, por unha banda está prevista a celebración dun acto académico por parte de membros da Real Academia Galega e, pola outra, un acto institucional levado a cabo polo Concello de Xinzo xunto coa colaboración da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia. Neste sentido haberá un amplo programa de actividades que se desenvolverán na vila dende a mañán ata a última hora da tarde e nas que se agarda que haxa unha gran participación popular. 

Nos vindeiros días darase a coñecer o conxunto de actividades conmemorativas que aínda se está rematando de perfilar. 

O escritor e membro do Comité de Expertos creado ao abeiro destes actos, Luis González Tosar, quixo felicitar ao Concello de Xinzo "pola planificación das actividades do Día das Letras Galegas" e "a súa destacable preocupación e interese" neste sentido. González Tosar dixo da vila que foi o "lugar vivencial de Casares" e que o autor "houbese querido que os actos na súa honra fosen en Xinzo" por ser  "a súa patria de escritor". 

O escritor ourensán homenaxeado este ano, fortemente vinculado á vila na que pasou parte da súa infancia, está a ser protagonista de numerosas actividades de carácter cultural. Exemplo desto último é a recén inaugurada mostra "Carlos Casares e a fotografía" no Casino Antelano de Xinzo. A primeira exposición de instantáneas feitas polo autor de A Galiña Azul, composta por dúas temáticas: o retrato e o autorretrato e a fotografía de viaxes.

A Concellería de Cultura de Xinzo ven de organizar, tamén, varios certames literarios e artísticos dirixidos a estudantes e ao público en xeral. É o caso da segunda edición do Concurso Literario Xuvenil Carlos Casares de Narración Curta no que poderán participar aquelas persoas que presenten un relato inédito e redactado en lingua galega ou o premio de carácter artístico para o deseño dunha portada para a obra "Vento Ferido". Os premiados daranse a coñecer antes do 17 de maio. 

Te puede interesar