Críticas pola poda de árbores en Xinzo de Limia

Poda de árbores na avenida de Celanova en Xinzo de Limia.
photo_camera Poda de árbores na avenida de Celanova en Xinzo de Limia.
As Amigas das Árbores da Limia fixeron un escrito protestando pola poda levada a cabo na avenida de Celanova

Dende a asociación suliñan que “reducir mediante podas sen criterio, como tan acostumados estamos a ver en Xinzo, non resolverá o incremento da parte que non vemos -as raíces-, que ata é posible que se estea a producir o efecto contrario, aumentar o seu volume pola busca de solucionar as súas necesidades”.

A agrupación ecoloxista demanda que a poda se leve a cabo desde o coñecemento da especie arbórea e cunha asepsia exquisita das ferramentas que se empreguen, ademais de terse realizado por persoas cualificadas.

Amigas das Árbores afirman que os exemplares podados quedarán danados, con estruturas de copa débiles, con ramaxes que crecen desmedidas buscando cubrir as necesidades da planta e sen soporte estrutural. 

Xunta de voceiros para pór en común a actuación levada a cabo

Dende o Concello sinalan que no encontro mantido o pasado mércores, na xunta de voceiros, coa presenza de tódalas formacións políticas con representación no Concello de Xinzo de Limia, o alcalde, Amador Díaz, e a concelleira de Medio Ambiente, Cristina Campero, deron conta desta poda de árbores, e os concelleiros da corporación tiveron oportunidade de revisar e valorar os informes técnicos que avalan as distintas podas, máis concretamente, a das árbores da avenida de Celanova, cuxa actuación comezou o xoves.

O Concello de Xinzo de Limia solicitoulle á veciñanza da avenida de Celanova que non aparquen os seus vehículos nas zonas de traballo, que comezarán pola vía de servizo.

Te puede interesar