CULTURA

Entidades da Limia elaboran as ilustracións dun libro de Casares

As ilustracións do conto foron elaboradas dun xeito especial mediante a colaboración das distintas entidades e centros de ensino da vila, entre eles, a residencia da terceira idade Santa Mariña, os colexios Carlos Casares e Rosalía de Castro, a ludoteca Ludo 3, a asociación Limisi e o particular Álex Cabido.

Representantes do Centro de Día de Xinzo de Limia fixeron entrega esta semana ao edil de Cultura e Deportes do municipio, Luis Miguel Gil, e á responsable da Biblioteca Municipal, Manuela López Rodríguez, do libro ilustrado "Lolo anda en bicicleta" de Carlos Casares.

As ilustracións do conto foron elaboradas dun xeito especial mediante a colaboración das distintas entidades e centros de ensino da vila, entre eles, a residencia da terceira idade Santa Mariña, os colexios Carlos Casares e Rosalía de Castro, a ludoteca Ludo 3, a asociación Limisi e o particular Álex Cabido.

A iniciativa partiu do Centro de Día de Xinzo co obxectivo de sumarse aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que tiveron lugar na vila e de rendirlle homenaxe a Carlos Casares. Deste xeito, a obra foi pasando dunha institución a outra para facer as diferentes ilustracións acorde ás verbas de Casares, dende o pasado mes de maio ata esta semana.

A partir de agora, todas as persoas que desexen ver o resultado final poderán facelo na Biblioteca Municipal de Xinzo, de luns a venres, onde o libro estará exposto ao público.

Con esta iniciativa tamén se pretendeu, segundo sinalaron dende o Centro de Día de Xinzo de Limia, dar visibilidade ás actividades que realizan os diferentes centros da capitalidade comarcal e de favorecer a unión entre eles. Dende o Centro de Día animan "a dar un paseo ata a Biblioteca e comprobar o resultado do noso esforzo".

Te puede interesar