CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

O introdutor da lotería española en Lisboa

Esquina da actual praza da Figueira, onde Velloso Feijóo tiña a xoiería que, xa en 1899, anunciaba en "Branco e Negro".
photo_camera Esquina da actual praza da Figueira, onde Velloso Feijóo tiña a xoiería que, xa en 1899, anunciaba en "Branco e Negro".
Un ano máis, a lotería de Nadal volveu ignorar a Ourense. Cousas da estatística que diría Juan Velloso, un ourensán que en 1877 emigrou para Lisboa e alí, vendendo lotería española, tabaco e xoias, foi quen de amorear unha xenerosa fortuna

En San Paio de Abades (Baltar) ninguén lembra a Juan Velloso Feijóo, nin sabe dar recado do seu entorno familiar. Sen embargo, a hemeroteca non deixa mentir e a lectura casual dunha crónica de "Vida Gallega" de 1909, espertoume as ganas de saber máis daquel mozo que marchou a pé ata Lisboa, púxose a vender alá a "nosa" lotería e acabou montando a xoiería máis importante da capital, chegando incluso a ingresar na Encomenda de Carlos III polos ingresos cos que, coa venda da lotería, forneceu ó Tesouro Nacional.

Que a intrahistoria ourensá está ateigada de nomes e apelidos espallados polo mundo, que darían pé para encher unha interminable enciclopedia de pioneiros nos máis diversos sectores sociais e económicos, é unha máxima que estas crónicas semanais non fan máis ca amosar en formato reducido e que evidencian, en todo caso, unha senlleira capacidade de adaptación de todos eles ós lugares nos que se foron asentando, así como unha innata intelixencia e un afán de superación que os teñen convertido en personaxes completamente insólitos ou inimaxinables nos días que vivimos.

Un deles é, sen ningún xénero de dúbidas, Juan Velloso Feijóo, un mozo nacido un día calquera de 1859 na parroquia de San Paio de Abades, municipio de Baltar, "en humilde vivienda, como todas las de aquella localidad", segundo recollen as páxinas da revista "Vida Gallega" de abril de 1909.

Un mozo ó que a relación con Portugal non lle había de ser allea, dada a cercanía da súa aldea natal con Meaus e Santiago de Rubiás (Couto Mixto), así como coa vila de Montalegre, polo que, con só 18 anos, decidiu que o seu futuro debía estar ligado á metrópole lisboeta e para alá decidiu arrancar sen máis alforxa cá ilusión por mellorar as súas condicións de vida, "soportando las fatigas del largo viaje, que, por falta de comunicaciones, tuvo que realizar a pie".

Tal e como lle aconteceu a tantos e tal e como lle amosou a propia viaxe, os primeiros tempos en Lisboa foron probablemente máis duros aínda cós que deixara atrás na súa aldea de nacencia, dedicado ó "servicio doméstico en un insignificante café, donde la alimentación era deficiente, la cama un viejo jergón, el salario tres coronas y el trabajo no inferior a 20 horas".

Pero, tal e como tamén lle aconteceu a tantos, malia ás penosas condicións iniciáticas, non tardou moito en facerse co local e en transformalo nun café de referencia na céntrica praza da Figueira, colocando así a primeira pedra dos sucesivos negocios que lle habían produciren xenerosos beneficios e que comezaron coa venda da lotería nacional de España.

Para iso -escribe o xornalista de "Vida Gallega"- a carón do café "instaló una sección para la venta de tabacos, loterías y operaciones de cambio, y con tanto éxito, que pocos meses tardó en dar a conocer la lotería española, abasteciéndose de las administraciones de Orense, Ribadavia, Badajoz, Lérida y Madrid para enviarla a Brasil y colonias portuguesas".

Un negocio, o de ser "el primer importador de lotería española" en Lisboa, que non só lle reportou beneficios económicos, senón que incluso lle deu acceso a ser receptor da "Encomienda de Carlos III", que "significados políticos solicitaron para premiar sus positivos ingresos al Tesoro por las crecidas compras de billetes de lotería".

Nestes momentos finiseculares, aquel mozo arraiano chamado Juan xa respondía ó apelativo luso de "João", xa se anunciaba nas revistas de máis tirada da capital lisboeta -como podía ser "Branco e Negro"- e xa engadira ós negocios da praza da Figueira (naquel momento rúas da Prata e Betesga) os "16 escaparates" do que había ser o seu buque-enseña empresarial: A xoiería João Velloso.

E só dez anos despois (1910), deslumbraba ó director de "Vida Gallega", Jaime Solá, co posicionamento social e económico que Velloso Feijóo tiña conseguido, cando tivo oportunidade de visitalo na súa casa de campo da Alameda do Lumiar, un dos lugares residenciais máis aristocráticos da Lisboa daquel momento.

Anos, estes, nos que era común que o seu nome aparecese colaborando en distintas iniciativas sociais ou culturais de Galicia, coma no monumento que a cidade de Lugo lle levantou á Pardo Bazán.

Te puede interesar