As láminas de Manuel Traveso chegan a Vilar de Santos

IMG-20211105-WA0031
photo_camera Un instante da presentación este venres no Museo da Limia.
Trátase de creacións pintadas con pluma e que recollen labores agrarios e artesanais

O Museo da Limia de Vilar de Santos acollerá ata o vindeiro 31 de decembro a mostra “Os camiños da vida”, de Manuel Traveso, natural de Sandiás. O conxunto, que foi presentado este venres pola tarde, componse de 18 láminas pintadas con pluma e que escenifican retratos, paisaxes, labores agrarios e artesanais que pretenden achegar ao espectador ao pasado máis recente e facerlle comprender a súa historia. Malia que a mostra xa foi presentada en Sandiás, desta volta incorpora novas creacións. 

Tal e como explican dende o Museo de Vilar de Santos, esta é unha nova aposta para recuperar a actividade cultural progresivamente logo duns meses de parón a causa da pandemia da covid-19 e sempre contando con “creacións e achegas de artistas e actores nitidamente vinculados ás Terras do Limia para darlle cumprimento entusiasta ao obrigado encontro coa veciñanza, as súas xentes e as súas cousas”. Ademais, destacan positivamente “a perfecta harmonía entre os cadros do autor e as ferramentas e utensilios -propios do museo- dos tempos pretéritos que se recrean na nosa memoria” coa que se poden atopar os visitantes.

O AUTOR

Manuel Traveso Santana é natural de Vilariño das Poldras (Concello de Sandiás) e funcionario da Deputación xubilado. Posúe formación de topógrafo, delineante e mestre Industrial; estudou na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela e graduouse en Deseño na Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense. A súa obra comeza a desenvolverse a partir de 1990 e amosa o constante compromiso coa xente do mundo rural, co seu medio e cos labores e tradicións vinculadas á aldea.

Te puede interesar