O Museo da Limia reforza a súa imaxe cun catálogo

undefined
photo_camera Manuel Traveso, Antón Jardón, Antonio Míguez, Delfín Caseiro, Sara Ruiz e Xosé Carlos Sierra.
Esta acción forma parte dun plan máis amplo para dar a coñecer a mostra

O Museo da Limia de Vilar de Santos celebra neste 2023 o 30 aniversario da súa inclusión no Censo de Museos da Xunta de Galicia e, dende o Padroado, consideran que é o momento de ampliar o coñecemento da poboación sobre unha mostra que recolle a historia e evolución da Comarca da Limia e que pretende funcionar como un punto de encontro de artesáns e para a dinamización cultural no rural. Por este motivo, dende o pasado 2022 o museo é sede da Asociación Limiar e, ademais, vén de editar, coa colaboración da Xunta de Galicia, o seu primeiro catálogo - guía. Este documento, de 22 páxinas, profundiza na historia do museo, no obxectivo de cada unha das súas sete salas e nas súas actividades culturais: O Premio Pedra Alta ou as Conversas de taberna, entre outras. “Queriamos aportar o noso discurso, o que queremos transmitir dende aquí: As nosas dinámicas e a nosa identidade”, explicaba Sara Ruiz, responsable de comunicación do Museo da Limia dende Vilar de Santos.

Sobre o anterior e tamén do plan de acción para este 2023 falaron este mércores os representantes do Padroado, que, ademais, presentaron unha separata dos Cadernos Culturais do Limia -Revista Lethes- sobre a arracada de Vilar de Santos, unha xoia castrexa atopada na localidade no ano 1924 e da que se conserva unha réplica na mostra -a orixinal atópase no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense-. 

Ao longo deste 2023 haberá novos cursos de artesanía -o ano pasado cubríronse todas as prazas nos obradoiros ofertados-, reeditarase o Premio Pedra Alta e, ademais e coma unha das principais novidades, buscarase a colaboración de empresarios locais para que premien aos seus clientes con entradas para o museo. Trátase dun xeito de “agasallar cultura”, en palabras de Antón Jardón, coordinador do espazo.

Te puede interesar