Aprobou unha proposta non de lei para realizar un recoñecemento progresivo
Os entroidos galegos poderían gozar do distintivo de "Bens de Interese Cultural" nos vindeiros meses grazas a unha iniciativa popular aprobada esta semana no Parlamento Galego. O organismo deu luz verde a unha proposta non de lei para instar á Xunta a que realice un estudo sobre as características senlleiras destas festividades máis tradicionais co obxectivo de proceder á súa declaración progresiva como bens de interese cultural.
Carlos Gómez, deputado e concelleiro de Cultura e Festas de Xinzo de Limia -unha das capitais máis importantes do Entroido galego-, manifestou que "o conxunto destas celebracións ten un inequívoco valor patrimonial" xa que nel conflúen os ingredientes de festa, cultura e patrimonio, e este feito ocasiona "que se poidan encadrar dentro da figura de patrimonio cultural inmaterial recollida en todos os marcos xurídicos de orde mundial, europeo, estatal, autonómico e mesmo local".
Por outra banda, Gómez Salgado engadiu que o Entroido galego é sentido como "un ben común e de seu polo conxunto da poboación, acentuándose nas últimas décadas o respecto e fidelidade a esta secular tradición, polo sentimento valorativo". Asimesmo, o deputado sinalou que estas festas están "profundamente enraizadas na historia de Galicia, con características culturais orixinais e nun entorno específico social e identitario".
Por todo esto Carlos Gómez subliñou a necesidade de impulsar medidas de protección e preservación, de realizar labores de estudo e documentación, así como desenvolver iniciativas a prol da posta en valor e da pervivencia desta manifestación cultural que garantan a súa transmisión ás xeracións futuras".