A Limia

Pataca de Galicia avanza na inclusión de variedades

A Limia

AGRICULTURA

Pataca de Galicia avanza na inclusión de variedades

<p></p>
photo_camera <p></p>

O presidente, Guillermo Budiño, quere mellorar o prego de condicións 

O presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia (IXP), Guillermo Budiño, mantivo unha xuntanza en Santiago coa directora xeral de Gandaría e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, co obxectivo de avanzar na ampliación das variedades e da área amparada polo selo de calidade.

No encontro, no que tamén estivo presente o secretario da IXP, Ricardo Losada, tratouse a mellora do prego de condicións para acadar os avances mencionados e incluir dúas novas variedades: a Agria -cultivada na comarca ourensá da Limia- e a Fina de Carballo -na zona de Bergantiños-.

Ademais, nesta xuntanza tamén se avaliou a modificación das condicións que rexen a Indicación Xeográfica Protexida para estender ao conxunto de Galicia, a zona xeográfica amparada pola entidade. Para traballar neste senso, terase en conta que o cultivo de pataca se realiza en todo o territorio da comunidade autónoma agás na alta montaña.

Doutra banda, abordaronse máis cambios que pasarían por lograr un aumento do rendemento por hectárea da variedade Kennebec -unha das máis cultivadas na Limia- e pola regulación da etiquetaxe.

O obxectivo é que se poida utilizar a mención "elaborado con IXP Pataca de Galicia" nos produtos que empreguen como materia prima o tubérculo amparado.

Ademais, nesta reunión de traballo tratouse o proxecto proposto pola IXP para a obtención de semente base de Fina de Carballo coa finalidade de dotar ao sector deste material.


Pendentes do tempo


Os productores de patata amparados pola IXP na Limia están pendentes da evolución da meteoroloxía de cara a salvar a campaña de semente. O presidente aconsella entrar nas fincas "en canto se poida" e tratalas contra o Mildio.