agricultura

Un Plan Estratéxico relanzará o sector agrario na Limia

XINZO DE LIMIA (IES ANTIOQUÍA). 22-11-2017. OURENSE. Jornada técnica con la conferencia de Fernando Alonso Arce (Director del centro de control de variedades vegetales agrícolas de la Junta de Castilla y León) sobre plagas en los almacenes de patatas "Xestión técnica e administración dos almacéns de pataca, pragas e enfermidades no almacén". Asisten multitud de productores y almacenistas del tuberculo de a Limia. FOTO: ÓSCAR PINAL.
photo_camera O técnico Fernando Alonso Arce nun ciclo de conferencias sobre a pataca no Instituto Cidade de Antioquía (ÓSCAR PINAL).
Buscará a profesionalización cun ciclo formativo específico e solventará a problemática dos residuos

A Xunta Directiva do Grupo de Desenvolvemento Limia Arnoia vén de promover a elaboración dun Plan Estratéxico para o Sector Agrario da Limia, que incluirá, do mesmo xeito, o proxecto para a coordinación da recén creada Mesa da Limia. Os obxectivos pasan por profesionalizar o sector primario na comarca e buscar solucións á problemática existente da xestión de residuos agrarios. Deste xeito, procurarase dar un paso máis de cara á consolidación económica e social da Limia mediante un dos seus motores económicos máis importantes. Así o anunciou esta semana o presidente do GDR, Gumersindo Lamas: "Xa tivemos unha xuntanza co director xeral de Agader e se lle presentou unha proposta para a elaboración do Plan Estratéxico, a cal foi aceptada pola Consellería", manifestou o tamén rexedor de Sarreaus. "Inicialmente poñerase en marcha este plan. Hai que establecer un contacto con todos os sectores e xente implicada e intentar darlle unha volta a toda a problemática existente", engadiu.

Por outra banda, o GDR Limia Arnoia remitiu a todos os Concellos da comarca, a iniciativa da Xunta Directiva, un borrador do plan para que dende estas administracións se tomen os acordos que consideren máis convenientes, e se lles instou a levar a pleno unha moción para solicitar á Xunta de Galicia un Ciclo Formativo de Agraria. "En Xinzo xa o houbera, pero agora non existe en toda a provincia de Ourense. Queremos ver que posibilidades hai de implantalo e propoñer a ubicación do GDR", adiantou Gumersindo Lamas. "Dentro da problemática existente hai que comezar pola formación. Os propios agricultores da comarca demandan información e formación cualificada", engadiu o presidente da institución, quen puntualizou que, recentemente, o GDR aprobou unha batería de proxectos dentro do Plan Leader.

Un dos primeiros Concellos en solicitar a instauración deste ciclo foi, precisamente, o de Xinzo. Fíxoo nun pleno que tivo lugar o pasado xoves e no que a proposta contou co respaldo de todos os grupos da Corporación local.

"Estamos na labor de loitar pola Limia e por toda a comarca do GDR. Queremos aportar todo o que sexa necesario para o desenvolvemento agrario e a resolución dos seus problemas", matizou o presidente do GDR.


Tres eixos: residuos, produción e servizos


O Plan Estratéxico do Sector Agrario da Limia -PEL- artéllase en tres bloques xerais que responden ás necesidades ou problemáticas detectadas na comarca debido á tipoloxía de produción agrogandeira, segundo explicaron dende o propio Grupo de Desenvolvemento Rural. O primeiro destes segmentos é o que se encargará do problema ambiental que xeneran os residuos agrarios. Nesta liña, preténdese crear un grupo de traballo que analice os distintos tipos de residuos -dexeccións gandeiras, destríos ou plásticos-, así como a cantidade xenerada, o seu destino e xestión. Procurarase acadar unha xestión sostible dos mesmos, que pasaría pola reutilización ou por convertelos en subprodutos. Por outra banda, o segundo bloque fai referencia á producción agraria e á dignificación do traballo gandeiro e agrícola. Para esta finalidade traballarase cos consellos reguladores a prol de recuperar o valor dos selos e das marcas de calidade, sinónimo da agricultura respectuosa coa terra. Asimesmo, recolleranse, estudiaranse e analizaranse todos os datos de produción. Por último, os servizos agrarios incluirán a formación ao sector, asesoramento institucional, respaldo sindical e resposta empresarial. 

Te puede interesar