A Policía de Xinzo estrena tecnoloxía para reforzar vixilancia e seguridade

Policía Local
photo_camera Elvira Lama e Ramón Gómez Salgado xunto a dous axentes da policía e os novos medios.
Trátase de dispositivos para emitir denuncias ou lectores de matrículas e tamén se valora a instalación de cámaras

Os axentes da Policía Local de Xinzo recibiron esta semana novos dispositivos tecnolóxicos para reforzar a seguridade e a vixilancia neste municipio. A medida responde a un convenio asinado coa Federación Española de Municipios -a vila limiá é a primeira de Galicia en sumarse a esta iniciativa- que vén de dotar á comisaría de tecnoloxía para a formulación de denuncias e acceso a bases de datos, lectores de matrículas, cámaras, sistemas de control de velocidade ou dispositivos para detectar os vehículos que se salten os semáforos en vermello.

O Goberno cuatripartito traballa na liña de dar prioridade aos peóns sobre os coches, sobre todo, en zonas de especial protección como o casco vello, así como de persuadir aos condutores para que respecten as normas de circulación e as rúas peonís e de acceso restrinxido. 

Por último, a tecnoloxía optimizará o traballo da policía. Neste senso, por exemplo, as notificacións das multas poderán ou non deixarse sobre os vehículos xa que cos novos dispositivos poderanse facer fotos e xestionar as multas que despois chegarán aos domicilios. Tamén se está a valorar a instalación de cámaras. Dende o Concello de Xinzo explicaron que a incorporación a este novo sistema será progresiva e incluirá campañas de información xeral. 

Elvira Lama, asegurou que o Concello dispón de máis medios para velar polo cumprimento das normas de circulación e para garantir a seguridade viaria, “nun momento no que se está a dar prioridade aos peóns sobre os vehículos en zonas como o casco histórico”. Ramón Gómez Salgado, concelleiro, engadiu que a vila estará “máis ordenada e regulada desde o punto de vista dos vehículos”.

Te puede interesar