Porqueira aprobou o seu Plan Básico Municipal

210527 AVM PORQUEIRA 3
photo_camera A alcaldesa e a conselleira, no centro, arriba; estiveron acompañadas de traballadores municipais.
Inclúe 31 núcleos rurais e 162 elementos patrimoniais e culturais

O Concello de Porqueira,  da man da Xunta de Galicia, vén de aprobar -inicialmente- o seu Plan Básico Municipal, paso previo ao instrumento de ordenación.  Así llo comunicou a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, á alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez. 

Esta ferramenta permite actualmente que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento poidan desenvolver certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano. Nestes momentos, o Concello de Porqueira é un dos oito que, en toda Galicia, traballan na consecución de dita ferramenta e o sétimo deste grupo que acada a aprobación inicial por parte da Administración Autonómica. 

O plan aprobado inicialmente delimita 31 núcleos rurais ‑19 deles tradicionais, 11 que combinan partes tradicionais e comúns e un común de tipo polinuclear‑ que abranguen os 30 asentamentos de poboación identificados xa en Porqueira polo Plan básico autonómico. Entre as principais novidades que implica a ordenación incluída no novo documento cómpre subliñar que se delimita individualmente o núcleo de Faramontaos-Pedrosa por ter unha estrutura recoñecible e diversa.

Así mesmo, o documento recolle as dotacións existentes no termo municipal e, ademais, identifica os elementos do patrimonio cultural e natural de Porqueira. Concretamente, cataloga un total de 13 elementos arqueolóxicos, 47 de tipo arquitectónico, 97 etnográficos, catro naturais e un Ben de Interese Cultural: a Torre da Forxa. Destes 162 elementos identificados, cómpre subliñar que a gran maioría -concretamente 124- foron incorporados ao longo do proceso de elaboración do propio PBM, froito dun exhaustivo traballo.

Te puede interesar