Porqueira avanzará no seu Plan Básico Municipal

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibe no seu despacho á alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez Dorado. Monte Pío, 22/03/21
photo_camera Alberto Núñez Feijóo e Susana Vázquez.
O presidente galego, Alberto Núñez, tamén informou a Susana Vázquez de que se está a "valorar" a solicitude realizada polo Concello de Porqueira para a humanización das rúas en San Lourenzo

A rexedora de Porqueira, Susana Vázquez, reuniuse este martes co mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, co obxectivo de tratar varias cuestións de interese municipal e proxectos previstos para o municipio da comarca limiá. Destaca a elaboración do Plan Básico Municipal. Nesa liña, Feijóo trasladoulle á alcaldesa popular a previsión de que o Plan Básico Municipal de Porqueira "se aprobe inicialmente nas próximas semanas". O obxectivo é a súa aprobación definitiva e entrada en vigor do mesmo a finais deste 2021 ou principios do vindeiro ano 2022.

Por outra banda, en materia de infraestruturas, o presidente galego informou a Vázquez de que se está a "valorar" a solicitude realizada polo Concello de Porqueira para a humanización das rúas en San Lourenzo con cargo á orde de axudas destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos cunha poboación inferior aos 20.000 habitantes. Neste ámbito, os dous representantes municipais abordaron as obras de ampliación da residencia de maiores municipal que iniciaron durante o pasado mes de febreiro. Neste senso, Feijóo valorou o feito de que o proxecto, cofinanciado pola Xunta e a Deputación de Ourense, permita incrementar a oferta ata as 46 prazas en lugar das 24 actuais.

Feijóo aproveitou a xuntanza para destacar igualmente "a colaboración entre ambas administracións na loita contra a covid", coa entrega de material por parte da Xunta como: máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais.

Te puede interesar