O PP de Xinzo pide máis contedores para San Roque

IMG_20210223_205056[1]
photo_camera Imaxe dos contedores ateigados na praza de San Roque.
Asegura que cada noite están desbordados nesta zona comercial

O Partido Popular de Xinzo lamenta a escasa dotación de contedores nalgunhas rúas céntricas da vila como é o caso de San Roque, zona comercial por excelencia. Aseguran, de feito, que existe malestar entre a veciñanza: "Moitas son as queixas da veciñanza e o comercio da rúa e Praza San Roque pola insuficiencia de contedores de lixo orgánico e pola ausencia dos de cartón e papel", critican os populares. "Noite tras noite repítese a imaxe de contedores desbordados con bolsas de lixo e cartóns. Moitas veces estes residuos rematan no chan, acompañando dun mal cheiro ás zonas próximas. Hai unha problemática de onde depositar os residuos", engaden. 

Por outra banda, dende a formación aseguran que hai tamén queixas veciñais en Branco Amor e Jesús Carlos Romero Nieto, onde "solicitan os contedores de lixo no cruce de ambas rúas". 

Por todo o anterior, o PP limiao pedirá, mediante unha moción, unha maior dotación de contedores á Deputación de Ourense e que se mova a xardineira de Branco Amor e se coloquen os contedores no punto onde se une esta rúa con Romero Nieto ao Concello.

Te puede interesar