Charangas, grupos e veciños e visitantes disfrazados animaron toda a xornada, á espera do gran desfile de hoxe
Xinzo contou durante a noite do Luns de Entroido cun invitado de excepción, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Ao redor das nove da noite o xefe do goberno galego chegou ás inmediacións do Concello de Xinzo, onde foi recibido polo alcalde da vila, Antonio Pérez, e varios concelleiros da corporación municipal.
O presidente quixo participar dun dos días centrais do ciclo do Entroido na Limia. Fixoo ataviado cun disfraz de pirata xa que, tal e como sinalou o alcalde de Xinzo, "o presidente xa sabe que ao Entroido non se pode vir sen disfrazar".
Acompañado polos concelleiros e polo rexidor local, Núñez Feijóo percorreu as rúas da zona vella e da Praza Maior que, a pesar da choiva rexistrada durante a noite do luns, estivo ateigada de xente.
A comitiva cenou nun dos restaurantes da vila e disfrutou das charangas que amenizaron a festa durante a noite.
Non é a primeira vez que o presidente da Xunta visita o Entroido de Xinzo, xa que é un habitual do triángulo máxico ourensán (Verín-Xinzo-Laza).