O programa universitario para maiores voltará a Xinzo

Trátase da cuarta entrega desta iniciativa, impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela, que ten como finalidade a democratización do coñecemento. 

O programa universitario para maiores de 50 anos que leva por nome “Camiños de coñecemento e experiencia” regresará a Xinzo cun ciclo de conferencias que arrancará o vindeiro día 15 de abril. Trátase da cuarta entrega desta iniciativa, impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela, que ten como finalidade a democratización do coñecemento. 

O ciclo comezará o día 15 cun seminario sobre a soidade non desexada que incluirá unha sesión práctica. Esta última será impartida por Cristina Ruibal, traballadora social. 

Por outro lado, a alimentación saudable dos adultos e das persoas de idade avanzada será o tema sobre o que xirará o seminario que está previsto para o 22 de abril. Ese mesmo día tamén se ofrecerá a posibilidade de participar no obradoiro “Que hai nos nosos pratos?”, o cal estará dirixido por Nuria García, profesora da Facultade de Enfermería da USC.

O último sábado deste mes falarase sobre diversidade e conservación e haberá unha visita guiada -aínda por determinar-. Teresa Rodríguez, profesora da Facultade de Veterinaria no Campus de Lugo, e Emilio Carral, profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, serán os encargados de dirixir esta derradeira xornada.

INSCRICIÓN GRATUITA

As sesións desenvolveranse na Casa da Cultura e a matrícula para poder asistir a este ciclo será gratuita. 

Para poder inscribirse, as persoas interesadas terán que acudir á Casa da Cultura do Concello de Xinzo de Limia en horario de 09,00 horas a 14,00 horas e de 15,30 horas a 20,30 horas. Tamén se pode remitir un correo electrónico a [email protected] ou enviar unha mensaxe ao 600 314 155

Te puede interesar