POLÉMICA

O PSOE cuestiona o peche dunha parcela en Xinzo

O goberno local sinala que existe unha sentencia que lle da a razón ao particular e que a teñen que acatar

O grupo municipal socialista do concello de Xinzo vén de denunciar un suposto trato de favor de goberno local para cun empresario. Elvira Lama, portavoz do grupo, rexistrou no día de onte unha solicitude á secretaria do concello para que informe sobre a legalidade duns informes técnicos que, segundo afirma a concelleira, "foron feitos a medida por un asesor externo contradecindo os realizados polos técnicos municipais de urbanismo e pola Policía Local".

Para os socialistas, un particular cuxa finca se atopa situada nos accesos á autovía A52, "realizou o peche da súa parcela contra todas as advertencias de paralización por carecer de licenza". Tras un acordo da xunta de goberno local, ordenárase paralizar as obras a este veciño que, segundo o tenente de alcalde, o popular, Manuel López Casas, "formulou un recurso de reposición ao Tribunal do Contencioso-Administrativo contra a decisión do consistorio que finalmente lle deu a razón". "A nós só nos queda acatar a sentencia dos tribunais polo que non hai absolutamente nada raro no proceso", afirma López Casas. Os socialistas non descartan "poñer esta situación en coñecemento doutras instancias".

Te puede interesar