Remata o taller de estimulación cognitiva e física para os maiores en Xinzo

O obradoiro celebrouse no Centro Sociocomunitario de Xinzo de Limia

Este mércores remataba un obradoiro de estimulación cognitiva e física para maiores no Centro Sociocomunitario de Xinzo de Limia. Dende o pasado 13 de outubro, o persoal do Centro de Día da mesma localidade -pertencente á rede de centros de atención ós maiores da Xunta de Galicia- impartiu este taller cada mércores.

Un grupo medio de trece persoas traballaron con actividades para preservar ou mellorar todas as capacidades cognitivas dunha forma práctica. Foron proxectos que estimulan as funcións atencionais, amnésicas, linguaxe, funcións visoespaciais, gnosias visuais, intrumentais (lecto-escritura e cálculo) e razoamento abstracto, entre outras.

Todas as actividades, a través do traballo en grupo, versaron sobre contidos relacionados coa contorna e coa historia de vida dos maiores do grupo. O taller finalizou con sorpresas para os seus participantes.

Ademais desta colaboración, o Centro de Día de Xinzo realiza diversos proxectos co Centro Sociocomunitario, co obxectivo de promover hábitos de vida saudables, prevención da dependencia e promoción dun papel activo das persoas maiores na sociedade.

A vindeira cita destas actividades será os días 13, 14 e 21 de decembro con talleres prácticos de uso de móbil e aplicacións informáticas, “e-saúde” e “asiste”.

Te puede interesar