Sandiás logrou reducir a súa débeda municipal en dous mandatos

O Remanente de Tesourería é de 340.531 euros e a débeda sitúase actualmente nos 5.776 euros

O goberno local de Sandiás explicou que, ao longo dos dous últimos mandatos, logrou diminuir a súa débeda e incrementar o seu Remanente de Tesourería grazas a unha modélica xestión. 

Tal e como afirman dende esta entidade, a regularización da situación económica local foi un dos obxectivos primordiais do equipo que lidera Felipe Traveso xa que, subliñan, era necesario "solventar a situación económica na que nos atopabamos e poder, deste xeito, xestionar novos recursos para a veciñanza".

O Concello de Sandiás realizou recentemente un estudo da saúde financieira local tomando como punto de partida o pasado ano 2014, momento no que o Remanente de Tesourería estaba en 38.970 euros e a débeda nos 140.587 euros. Según relataron dende o ente local "obsérvase o incremento do aforro dende o ano 2015 ata a actualidade, e tamén a diminución da débeda ata o presente, instante no que o Concello no ten pendente ningún tipo de préstamo".

Actualmente, e sempre segundo o documento proporcionado polo Concello de Sandiás, o Remanente de Tesourería actual -dato de 2020- sitúase nos 340.531 euros e o endebedamento está nos 5.776 euros. 

O goberno local asegura, por último, que "o Concello de Sandiás cumpre co período medio de pago aos seus provedores" e manifesta que "estes datos, que son para celebrar, son o que toda a veciñanza merece e polo que levamos traballando día tras día estes seis últimos anos", manifestan dende a entidade local. 

O Concello de Sandiás aprobou para o presente 2021 un orzamento municipal de 1.036.866 euros. Supón unha cuantía que incrementa nun 12,16 por cento a consignada para o pasado exercicio económico de 2021.

Te puede interesar