Sandiás recibirá un novo esparexedor de sal

Resolveuse a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias a concellos que conten con menos de 50.000 habitantes

O Concello de Sandiás incrementará a súa dotación de medios de traballo  cun novo esparexedor de sal que permitirá aos operarios municipais realizar un bo mantemento das estradas e vías da localidade nos periodos de fortes nevadas. 

O pasado venres, día 25 de novembro, publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución do 9 de novembro de 2022 da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior. En dita resolución, tal e como informaron dende o Concello de Sandiás, resolveuse a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias a concellos que conten con menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, confinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e no marco de programa operativo Feder-Galicia 2014-2020. 

Na provincia de Ourense, entre outros, resultou adxudicatario o Concello de Sandiás, que recibirá a nova dotación nos vindeiros días.

Te puede interesar