A LIMIA

Os técnicos expoñen unha mensaxe de tranquilidade ante a praga da pataca

O acto contou coa presenza de tres técnicos da Consellería de Medio Rural.

A Casa da Cultura de Sandiás acolleu unha nova xuntanza co obxectivo de informar a productores e almacenistas de pataca sobre a problemática da couza guatemalteca que afecta ás plantacións de autoconsumo do norte de Galicia.

O acto contou coa presenza de tres técnicos da Consellería de Medio Rural. Estes expertos foron os encargados de informar aos asistentes das medidas que se están adoptando, por parte da Xunta e do Goberno Central, para o control desta praga, detectada por primeira vez na comunidade galega en 2015.

Felipe Traveso, alcalde de Sandiás, calificou estas explicacións como "moi interesantes" e quixo lembrar que "a comarca da Limia non está afectada" polo que " é necesario lanzar unha mensaxe de tranquilidade" a toda a poboación. Neste sentido o rexidor local destacou que se están  tomando "medidas claras" tanto por parte da Xunta de Galicia como polo Goberno Central.

Coa aprobación, o pasado venres, do Real Decreto para o control e erradicación da couza, estase procedendo á queima de tubérculos nas zonas afectadas. Plantar pataca nas zonas delimitadas estará prohibido durante un periodo de dous anos.

Te puede interesar