ARTESANÍA

Vilar de Santos exhibe de novo os produtos locais

1op4772_result
photo_camera A cantante Alice Wonder puxo unha nota musical no mercado.

Artesáns, músicos, e emprendedores locais déronse cita na terceira edición do Mercado de Artesanía e de Produto Local. Un evento que cada ano se consolida e que congregou a visitantes de toda a comarca.

O  sol e as boas temperaturas acompañaron, durante toda a xornada, a celebración da terceira edición do Mercado de Artesanía e de Produto Local de Vilar de Santos. A rúa do Forno acolleu os 35 postos (10 mais que o ano pasado) que se deron cita neste evento organizado polo Forno Tradicional Faragullas, A Arca da Noe e o Concello de Vilar de Santos. 

O mercadiño abriu ao público pasadas as 12,00 horas da mañá e, dende ese intre, o goteo de visitantes foi continuo. Tal e como sinalou o rexidor de Vilar de Santos, Xan Xardón, a variedade de produtos nesta edición foi importante. Deste xeito, na feira podíanse atopar dende contos en galego achegados dende Allariz pola tenda "Punto e Coma", ata artesanía de pedra en pizarra elaborada por Rubén Gayoso, un verinés que participaba, por primeira vez, nunha feira de artesanía.

 "Comecei fai cinco anos neste mundiño por hobbie. Non coñezo a ninguén que, coma min, se adique a traballar pedra en pizarra", explicaba Gayoso.  A moda, nesta ocasión para nenos, tamén tivo un recuncho na feira. María de Blas, responsable de "Yo no fui" unha tenda – taller de roupa para nenos, explicaba que ela mesma, xunto coa súa socia, eran as encargadas do deseño, patronaxe, corte e confección das prendas que vendían ao público. Práctica que repercute, segundo a deseñadora, "nunha mellor calidade e orixinalidade á hora de vestir aos mais cativos". "Temos un establecemento en Ourense dende finais do pasado ano por eso vimos ata aquí, para dar a coñecer o que facemos", sinalaba María. 

Representantes do colectivo Espacio Matrioska, asentado no concello de Os Blancos, non quixeron faltar á cita de Vilar de Santos aportando unha mostra de ilustracións, colgantes, serigrafías e libros de fotos. Tampouco faltaron ao evento emprendedores locais como Nelson Alonso, de Carabuñas, e a súa marmelada de sabugueiro, ou Fernando, do forno de pan de masa nai Faragullas. Tamén chacmaba a atención o posto de mel de Coedo, da reserva da biosfera de Allariz. María Álvarez, a vendedora deste produto, sinalaba que se trataba de "mel de bosque, de flora silvestre" cunha cor "oscura" e cun sabor "doce"sen o toque "amargo" que adoita ter este tipo de mel. 

A xornada completouse con actividades musicais e de animación. Ás 13,30 horas, a madrileña Alice Wonder repasou os éxitos de artistas como Adele, mesturados co seu estilo alternativo. "Es la primera vez que estoy en Galicia", sinalaba a cantante. "Vengo a presentar un pequeño disco llamado Take off que será la antesala a un álbum de estudio que publicaré próximamente". 

A animación para os mais pequenos veu da man de Fredi&Cía "Cicarnelo" Clown de Rúa e os encargados de pechar esta nova edición da Feira foron os compoñentes do grupo ourensá O Sonoro Machín. 

Te puede interesar