Vilar de Santos rematou a recollida de xoguetes

Unha vez que estean revisados e empaquetados serán entregados a Cáritas

O pasado luns 12 de decembro remataba a campaña de recollida de xoguetes no Concello de Vilar de Santos. As achegas foron depositadas nas dependencias dos Servizos Sociais do Concello e máis na Biblioteca Municipal.Trátase dunha iniciativa que busca botar unha man no Nadal a aquelas familias que se atopan en risco de exclusión social.

O proxecto nacía hai un ano no Concello coa colaboración da veciñanza de Vilar de Santos e, máis concretamente, coa implicación do Centro de Atención a Persoas Maiores da localidde. Tanto usuarios como profesionais  do centro traballaron o pasado ano para que a campaña saíse adiante con éxito. O seu labor era revisar un por un os xoguetes,  comprobar o bo estado dos libros, lavar os peluches, peinar as bonecas, porlles baterías a aqueles que o precisasen e empaquetalos para a ocasión.  Ademais, encargáronse tamén de clasificalos por idades, para que se axustasen á perfección aos seus novos donos.

Estes días o centro disponse a repetir o proceso outro ano máis, animado pola motivación da campaña: facer que nestas festas non quede cativo sen xoguete.

Dende o Concello afirman darlles prioridade ás familias da  zona, porén, ningunha solicitou o servizo este ano, polo que a totalidade dos xoguetes será entregada o 22 de decembro a Cáritas, quen se encargará de xestionalos.
A valoración desta campaña é moi positiva. Dende os Servizos Sociais do Concello poñen en valor o compromiso e participación dos veciños e veciñas.

Te puede interesar