Xinzo acollerá un seminario sobre integración social

Terá como obxectivo poñer en valor a importancia da participación de persoas migrantes en diferentes instancias da vida pública.

A Universidade de Santiago de Compostela -concretamente, o grupo de investigación Esculca, que desenvolve o seu labor no eido da educación e da pedagoxía- en colaboración co Concello de Xinzo, promoverá un seminario na vila limiá que se desenvolverá entre os vindeiros días 18 e 26 de novembro e que tratará a integración social das persoas migrantes. 

A iniciativa universitaria levará por título “Implicación familiar e cívico-social nas comunidades de acollida” e terá como obxectivo poñer en valor a importancia da participación de persoas migrantes en diferentes instancias da vida pública. Deste xeito, din dende a organización, “farase efectiva a implicación cívico-social e os seus beneficios para mellorar o benestar individual e familiar”. 

Ao longo de 40 horas, e mediante a dirección de expertos da USC e de Médicos do mundo, algúns dos temas que se tratarán serán a relación entre a administración local e a escola; a muller e a familia no século XXI; as vías de acceso ao sistema sanitario para persoas migrantes en Galicia ou a implicación familiar e o rendemento académico.

As persoas interesadas nesta formación poden inscribirse xa no departamento de Educación, Inmigración e Minorías do Concello de Xinzo de Limia.

O concelleiro de Educación, Saúde e Servizos Sociais, Alberto Martínez, destacou a relevancia deste seminario, “que se destina tanto á poboación que acollemos como á sociedade de acollida”.

Te puede interesar