Xinzo estreará aplicación móbil para controlar o aforo das piscinas

Con esta iniciativa preténdese controlar o aforo, así como realizar os pagos dos pases e reservas para distintas xornadas

O Concello de Xinzo de Limia porá en marcha unha aplicación móbil para reservar entrada nas piscinas exteriores do municipio. Con esta iniciativa preténdese controlar o aforo e facilitar este trámite a veciños e visitantes, que poderán tamén realizar os pagos dos pases e reservas para distintas xornadas. 

A normativa polo covid-19 non fará necesario acoutar parcelas nas instalacións este verán, pero o executivo local quere extremar as medidas de seguridade, facendo un seguimento máis exhaustivo a través de dita aplicación.

Neste sentido, cando se comprobe a súa efectividade, o Concello pretende que o seu uso se estenda a outras actividades, xa que “se trata de que poida empregarse para todas as propostas do Concello para as que se precise un control de aforo”, asegurou Rafa Penabad, concelleiro de Servizos Públicos Estruturais. 

Así, o Concello de Xinzo ultima estes días as obras de mellora das piscinas exteriores, co obxectivo de abrilas ao público a finais de xuño. 

O grupo municipal centrou os seus esforzos na mellora da calidade da auga, traballando na posta en marcha dun sistema de cloración automática e de control do PH, na adquisición dun robot que se encargará da limpeza dos vasos e na impermeabilización para que non se produzan perdas de auga, entre outros.

Te puede interesar