A LIMIA

Xinzo impulsa un plan para que se respete o seu topónimo

<p></p>
photo_camera Letreiro que indica a chegada a Xinzo de Limia na estrada de que une a vila co municipio de Baltar.

Redes sociais e mapas empregan con frecuencia o nome da vila de xeito erróneo nas plataformas 

"Queremos que o noso topónimo, Xinzo de Limia, se escriba de xeito correcto en todos os ámbitos", declara Carlos Gómez, edil de Turismo do Concello de Xinzo. Gómez asegura que non é o unico cidadán que nos últimos anos tentou de poñerse en contacto con empresas e operadores de redes sociais, despois de comprobar que o nome oficial da vila dende o ano 85, aparecía modificado en moitas destas plataformas. Deste xeito, non é complicado atopar na rede a denominación "Ginzo" para referirse á capital da Limia producindo, según fontes do goberno municipal, "un dano pola terxiversación da nosa lingua e do noso topónimo e, tamén, un evidente prexuízo económico". Neste sentido o concelleiro sinala que cando alguén vai á vila na procura dun establecemento, os resultados que amosan os buscadores non son os idóneos pola cuestión vencellada ao erro que existe nas plataformas virtuais co topónimo.

"Sei que moitos veciños teñen feito o intento de comunicar, sen éxito, con responsables de redes sociais como Facebook ou Instagram para que procedan a correxir este erro lingüístico", asegura Gómez. Por este motivo, o grupo municipal popular do Concello de Xinzo ven de presentar unha moción no Consistorio para instar ás empresas e operadores de redes como Microsoft, Facebook, Instagram, Bing ou Google a que empreguen o nome oficial de Xinzo de Limia para referirse á localidade, e a que fagan as correccións oportunas nos lugares nos que se esté a utilizar o topónimo de xeito erróneo, como acontece cos mapas de localización xeográfica.

Mediante esta moción os populares tamén queren que o Goberno Central modifique en todos os recursos da administración que non o teñen feito, o nome de Ginzo de Limia polo de Xinzo de Limia. E solicitan o apoio da Xunta de Galicia para esta cuestión.

Esta iniciativa chegará á capital do Estado, onde existe unha rúa co nome de Ginzo de Limia.

Te puede interesar