Xinzo investirá 1.200 euros en libros en galego

Libros da Biblioteca Municipal Antelana.
photo_camera Libros da Biblioteca Municipal Antelana.

O Concello de Xinzo de Limia anunciou a adquisición de case cen novos libros en galego para a Biblioteca Municipal Antelana.

Esta compra, cun investimento superior aos 1.200 euros, foi posible grazas a unha subvención outorgada pola Xunta de Galicia no mes de abril a través da súa rede de apoio ás bibliotecas.

As novas adquisicións, que inclúen varios exemplares de cada título, enriquecerán a oferta literaria dispoñible para as persoas usuarias da biblioteca, fomentando a lectura en galego dende a infancia e contribuíndo á transmisión e preservación da nosa lingua e cultura. 

Ademais, o Concello de Xinzo de Limia anunciou que ten pendente executar unha segunda parte da subvención, superior aos 2.000 euros, que se destinará integramente á adquisición de máis publicacións en librarías locais, preferentemente en galego. Esta decisión responde ao noso compromiso de fortalecer o comercio local e apoiar aos pequenos negocios do noso municipio.

Con esta iniciativa, o Concello de Xinzo reafirma a súa aposta pola lingua galega e pola promoción da cultura e literatura.

Te puede interesar