Xinzo "mellorará a mobilidade" con cámaras na estación de autobuses

cámaras estacion de autobus en xinzo
photo_camera As novas cámaras da estación.
Esta iniciativa busca ordenar o tráfico na vila, con sancións de 80 euros para os vehículos que incumpran as normas

O Concello de Xinzo de Limia porá este xoves en funcionamento unhas cámaras na estación de autobuses, coas que se busca “mellorar e controlar a mobilidade”, anotan dende o ente municipal. 

O obxectivo é controlar a entrada e saída á estación e sancionar con 80 euros de xeito automático a aqueles vehículos que non conten con autorización de paso. “As empresas de transporte e autobuses deben inscribir as súas matrículas de xeito presencial nas dependencias da Policía Local”, explican.

Ante a polémica xurdida na vila polos comerciantes que teñen os seus establecementos na estación, veciños e usuarios do servizo, dende o Concello de Xinzo de Limia explican que esta medida “non é recaudatoria, pois a sanción quedaría reducida a 40 por pronto pago e se fose con afán recaudatorio podería ser de ata 200 euros pola sinal de prohibido que se atopa alí”. Afirman que se trata de empregar o “sentido común”.

Esta é unha das primeiras medidas que se aplicarán na vila co obxectivo de ordenar o tráfico rodado, liberar espazo para peóns e mellorar a seguridade viaria. “Haberá que dunha vez por todas por un pouco de orde no tráfico da vila”, puntualiza Ramón Gómez, concelleiro de Obras, Infraestruturas e Mobilidade. O Concello continuará estudando novas medidas para lograr isto. 

Te puede interesar