Xinzo pide que se amplíe o centro de saúde e máis persoal

undefined
photo_camera Parte frontal do centro de saúde de Xinzo de Limia.
Segundo apuntaron dende o Consistorio, na moción previa que se elevará a pleno figura un incremento de sanitarios “para cubrir baixas e días de descanso, pois hai unanimidade entre profesionais e pacientes con relación á escaseza dos primeiros”. 

O goberno local de Xinzo levará a unha sesión plenaria a situación actual do centro de saúde. Logo de varias xuntanzas entre a alcaldesa e traballadores do servizo sanitario, dende o Concello reclamarase á Consellería melloras estruturais e máis persoal. 

Segundo apuntaron dende o Consistorio, na moción previa que se elevará a pleno figura un incremento de persoal “para cubrir baixas e días de descanso, pois hai unanimidade entre profesionais e pacientes con relación á escaseza dos primeiros”. 

Por outro lado, á mencionada falta de persoal, din dende o goberno, “súmase a antigüidade do centro de saúde de Xinzo de Limia e a falta de espazo, dúas circunstancias que están a empeorar de forma manifesta a atención sanitaria. As consecuencias páganas directamente os veciños e veciñas”. 

En resumo, dende Xinzo instarase á Xunta de Galicia a “mellorar as condicións de eventualidade para os profesionais do Sergas; a reformular a atención primaria coa incorporación progresiva ao centro dun maior número de profesionais das distintas especialidades; a repoñer a praza de enfermeira de pediatría; á reforma e ampliación do centro de saúde e a incrementar as posibilidades dentro da realización de probas diagnósticas por parte dos facultativos e facultativas de atención primaria, procedendo a desconxestionar así as especialidades do CHUO”.

Te puede interesar