EDUCACIÓN

Xinzo pon en marcha a creación do Consello Escolar Municipal

O formarán representantes do centro, pais e nais, a Policía Local, mestres, estudantes e asociacións relacionadas con menores

O Concellería de Cultura de Xinzo acordou nunha reunión mantida cos directores dos catro centros educativos da vila e na que estivo presente o xefe da Policía Local, Germán Bolaño, a creación dun Consello Escolar Municipal.

Neste organismo estarían representados, ademais das directivas dos dous colexios e dos dous institutos de Xinzo, a asociación de pais e de nais, membros de colectivos estudiantís, as concellerías de Educación e de Servizos Sociais cos seus respectivos mestres e técnicos, a Policía Local e todas as asociacións da vila que teñan un trato directo con menores. 

O obxectivo da creación do Consello Escolar Municipal é, segundo explicou o edil de Cultura e Educación de Xinzo, Luis Miguel Gil, "Tratar os problemas que poidamos ter no noso Concello dun xeito global, en lugar de ser abordados  independentemente por cada centro escolar". Neste sentido tentarán de solventarse algunhas cuestións vencelladas ao transporte dos escolares en autobús ou problemas "que teña a xuventude de hoxe en día", sinalou Luis Miguel Gil. "Trátase de aunar esforzos para evitar malos comportamentos e potenciar as boas conductas". 

Segundo sinalou o concelleiro de Cultura, manterase unha xuntanza a finais do mes de xuño, cando rematen as clases, para tratar de fixar as bases desta iniciativa que, segundo o edil, foi valorada "de xeito positivo" por todos os asistentes. "A idea é decidir na vindeira reunión a frecuencia das xuntanzas e a estructura do Consello Escolar", engadiu. 

Te puede interesar