Xinzo, Sandiás e Vilar de Barrio, unidos para fortalecer á muller

O Programa Hypatia tamén incluirá unha diagnose sobre a situación social, laboral e económica con perspectiva de xénero, aplicando indicadores de participación política, cultural, deportiva, asociativa ou de saúde.

Os concellos de Xinzo, Sandiás e Vilar de Barrio volven a establecer unha estratexia de cooperación administrativa, neste caso, a prol do empoderamento feminino e da man do Programa Hypatia. 

Os tres municipios solicitaron unha subvención á Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia para desenvolver este proxecto que pretende implementar na Comarca da Limia políticas de igualdade ao tempo que se leva a cabo formación e asesoramento en materia de emprego, autoestima, benestar, coidados de corpo e mente, así como para os dereitos das mulleres. 

O Programa Hypatia -bautizado como a primeira científica da historia- é, subliñan dende o Concello de Xinzo, “unha iniciativa de intervención con mulleres de diversos perfís e de todas as idades”. Constitúe, do mesmo xeito, un xeito de vertebrar as políticas públicas de  igualdade como elementos “nucleares e imprescindibles para a recuperación despois de anos moi complicados”. Precisamente, en materia laboral e de recuperación económica, o programa incluirá asesoramento especializado, elaboración de itinerarios de inserción laboral, visitas a empresas e exemplos de emprendemento e autoemprego. 

DIAGNOSE

O Programa Hypatia tamén incluirá unha diagnose sobre a situación social, laboral e económica con perspectiva de xénero, aplicando indicadores de participación política, cultural, deportiva, asociativa ou de saúde.

Outro dos piares do proxecto será a formación e os obradoiros de carácter empoderador encamiñados a que as participantes poidan definir os seus proxectos persoais. 

Os obradoiros serán impartidos, ao mesmo tempo, por outras mulleres: profesionais nas áreas do dereito, a psicoloxía, a educación física e deportiva, a saúde, a cultura e a arte. Todas as formacións proporcionaranse dende unha perspectiva de xénero e abordarán cuestións como a autoestima, o benestar, o recoñecemento das mulleres, a saúde e activación do corpo e mente, os dereitos das mulleres, a violencia de xénero, o xénero e discapacidade, a idade, o cinema, a arte e o emprego a través de formación e a inserción, intereses ocupacionais, acceso ao emprego, procesos de selección, habilidades de comunicación e autoemprego e emprendemento de mulleres. 

Dende o Concello de Xinzo de Limia quixeron subliñar “o exercicio de cooperación institucional” feito xunto aos veciños Vilar de Barrio e Sandiás “nun momento de desafíos sociais”.

Te puede interesar