INFRAESTRUCTURAS | EDUCACIÓN

A Xunta aproba obras no colexio Rosalía de Xinzo

fotocolmenero_result
photo_camera Instalacións do CEIP Rosalía de Castro, en Xinzo de Limia

Rehabilitaranse as fachadas do edificio e pecharase a pista polideportiva do centro, mellorando os accesos

A Consellería de Cultura e Educación vén de aprobar un proxecto de remodelación das infraestruturas do Colexio Rosalía de Castro, en Xinzo de Limia.

As obras de rehabilitación que se van acometer no edificio consistirán nunha reestruturación das fachadas, na renovación das caixas de persiana e máis dos falsos teitos. Tamén se prevé a instalación dun novo servizo de calefacción, polas deficencias que presenta o actual.
Dende o consistorio limián informan de que tamén se vai renovar o sistema de iluminación, coa substitución das luminarias actuais por novos equipos de "alta eficiencia enerxética" complementados con detectores de presenza naqueles espazos de uso común, como os corredores. 

Pero a obra de maior embergadura aprobada pola Xunta de Galicia consistirá no peche da pista polideportiva do centro. No edificio anexo instalarase tamén un cortaventos e ampliaranse as rampas para facilitar o paso de persoas con mobilidade reducida.

Este centro de infantil e primaria da capital da Limia cumpría, no pasado ano 2014, corenta anos dende a súa inauguración, coa posta en práctica do famoso plan de concentracións escolares.

A remodelación de parte do edificio permitirá, segundo o goberno local, "mellorar considerablemente o servizo e que a comodidade dos rapaces e rapazas sexa maior". A actuación chega pouco despois de que comezasen as obras de ampliación das beirarrúas no outro centro escolar da localidade, o Carlos Casares, tamén coñecido polo seu nome anterior, Sergio Mascareñas. 

Te puede interesar