A LIMIA

A Xunta considera que é necesaria a tala na avenida de Celanova

Dende que o pasado 20 de marzo se publicase a licitación desta obra, na que o Goberno Autonómico investirá preto de 460.000 euros, foron moitos os colectivos que manifestaron o seu malestar pola tala destes plátanos centenarios.

A Xunta de Galicia non modificará o proxecto de remodelación da avenida de Celanova de Xinzo que inclúe a tala de 56 exemplares arbóreos. Así o manifestou en comisión parlamentaria o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, quen sinalou que a reforma se fará "de acordo cos criterios técnicos de seguridade". Menéndez destacou que, as árbores afectadas polo proxecto, "pertencen a unha especie alóctona e carecen de protección algunha". Engadiu, ademais, que supoñen "un factor de risco importante"xa que "diminúen a seguridade viaria pola súa proximidade á circulación de vehículos". 

Menéndez respostaba deste xeito a unha pregunta formulada pola portavoz de Medio Ambiente do PSOE, Patricia Vilán, na que sinalaba que "as especies   serven de barreira contra o ruído, axudan a aforrar enerxía, refrescan coa súa sombra no verán e reducen o vento durante os meses de inverno".

Por outra banda, fontes da Axencia de Infraestruturas engadían onte que o espazo de 5,5 metros existente entre os exemplares "é insuficiente para dous carrís de circulación en condicións de seguridade" polo que "é necesario ampliar ditos carrís e para eso, cómpre retirar as árbores". 

Dende que o pasado 20 de marzo se publicase a licitación desta obra, na que o Goberno Autonómico investirá preto de 460.000 euros, foron moitos os colectivos que manifestaron o seu malestar pola tala destes plátanos centenarios. Neste contexto, o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, recibirá hoxe a representantes da plataforma Amigos das Árbores. 

Te puede interesar