O 8M xirará en Allariz en torno á convivencia entre sexos

Unha decena de actividades, que se levarán a cabo con todas as medidas de seguridade, centran a conmemoración do Día da Muller na vila

A concelleira de Benestar Social do Concello de Allariz, Maribel Poisa, e a técnica de Igualdade, Ana Cardoso, presentaron esta mañá no salón de conferencias do edificio de Servizos Sociais a decimoséptima edición das Xornadas de Igualdade do municipio que este ano levarán por título "Pola convivencia dos sexos: o encontro enriquécenos" e que estarán integradas por unha decena de actos que comezarán o vindeiro día 8 de marzo, Día da Muller, coa lectura dun manifesto e a exhibición dunha pancarta pola convivencia na praza do Concello de Allariz. 

Ata o día 20 de marzo terán lugar, sempre baixo o cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias, actuacións musicais, obradoiros, contacontos, e xornadas informativas -os emprazamentos serán, principalmente, o segundo andar do Fogar dos Maiores, e o Colexio Padre Feijóo-. Neste senso, o día 8, ás 12:45 horas, actuarán Nuria Sotelo e MounQup; o 10, ás 16:30 horas, haberá un obradoiro da man de Beatriz P. F. Laranxeira sobre o conflito; o 12, ás 10:00 horas, terá lugar un contacontos no colexio sobre o amor explicado aos máis cativos; o 16, ás 18:00 horas, unha mesa de Coordinación contra As Violencias e o día 18, ás 20:00 horas, celebrarase a Parrafada na Tasca.

Os actos polo Día da Muller finalizarán o día 20 de marzo cunha xornada "online" para profesionais do ámbito socioeducativo e culminarán co programa de radio "Feminismo para participantes". 

Maribel Poisa explicou na súa intervención que estas novas xornadas "invítannos a reflexionar, asumir, e tolerar os cambios acaecidos sobre a nosa rutina, a nosa saúde e a nosa persoa. Cambios como pode ser o momento da pandemia que estamos a vivir e, como seres sexuados que somos, cómo alteran a convivencia entre homes e mulleres". 

Pola súa banda, Ana Cardoso, adiantou que se publicará, ademáis, un folleto para a convivencia: "É un empeño do Concello. Nós queremos que a xente viva a gusto", dixo. "Queremos fomentar, do mesmo xeito, a participación social e así o facemos con distintas iniciativas. Damos un plus aportando coñecemento e formación". 

Te puede interesar