Acto a favor da lingua galega no cemiterio de Maceda

Celso Sánchez e Uxía Oviedo
photo_camera Celso Sánchez e Uxía Oviedo

O domingo tivo lugar no cemiterio de Maceda a celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, organizado pola Concellaría de Cultura do Concello de Maceda.

Presidiron o acto Uxía Oviedo, alcaldesa de Maceda; Celso Sánchez, concelleiro de Cultura e tenente de alcalde; Xosé Carballido, representante da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, e Manuel Pérez, cura párroco de Maceda.

Abriu o acto o concelleiro de Cultura, resaltando que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia vén convocando todos os anos, nos meses de outubro e novembro, en colaboración con concellos galegos, a campaña de dinamización lingüística “En galego, agora e sempre”.

Con ela preténdese xerar un movemento cultural de restauración da memoria lingüística que recupere espazos para a lingua galega. Unha proposta que tenta facer unha chamada á reflexión das comunidades parroquiais para utilizar a lingua galega nos usos sociais.

O cura párroco de Maceda leu un poema e fixo referencia á necesidade de defender o noso idioma en tódolos ámbitos. A alcaldesa de Maceda fixo un chamamento a que as persoas presentes asinaran individualmente actas de vontades, nas que os interesados deixan constancia escrita dos seus desexos de galeguidade “post mortem”.

Por último develouse a lápida colocada na porta do cemiterio co seguinte texto: “Na memoria das persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter lingua e cultura de seu”. 

Te puede interesar