Adxudicadas por 42.000 euros as obras na ponte de Xunqueira de Espadanedo

1
photo_camera Estado actual da ponte, rodeada de maleza e vexetación.
Trátase dun programa para preservar a seguridade nestas infraestruturas

Durante as vindeiras semanas comezarán as obras de limpeza e conservación da ponte ubicada na estrada autonómica OU-536 no termo municipal de Xunqueira de Espadanedo. 

Así o anunciaron este venres dende a Consellería de Infraestruturas, promotora desta intervención -adxudicada á empresa Hermanos Caride Fernández Trabajos Verticales- que contará cun investimento de 42.000 euros e que terá un prazo de execución dun mes. Neste senso, e despois de realizar unha inspección técnica na ponte durante a que, entre outras cuestións, apreciouse unha importante cantidade de maleza; decidiuse acometer este proxecto co obxectivo de retirar manualmente a vexetación e a maleza dos paramentos de cantería, limpar as xuntas e repoñer as pezas danadas ou desaparecidas do paramento mediante sillería nova. Nesta liña, acometerase un recheo profundo de xuntas horizontais e verticais dos paramentos de sillería onde sexa necesario, tal e como precisaron dende o departamento autonómico. Do mesmo xeito, repararanse as beirarrúas deterioradas mediante a demolición e levantado destas e a posterior colocación de pavimento de baldosas hidráulicas.

Por último, tamén se fará a roza e limpeza do dominio público da estrada nas marxes próximas á ponte.

Esta intervención enmárcase nun "programa pioneiro de control das pontes e obras de paso" que está a desenvolver a Xunta de Galicia para preservar a seguridade e alongar a vida útil destas infraestruturas con actuacións de conservación preventiva, ao tempo que se reforza a seguridade viaria.

Te puede interesar