Alianza da cultura e do deporte a prol do galego

Cristina Cid, Celia Pereira e Carlos Quintairos durante a entrega da medalla.
photo_camera Cristina Cid, Celia Pereira e Carlos Quintairos durante a entrega da medalla.
A Unión Deportiva Ourense recibiu a medalla Vicente Risco en Allariz

A Fundación Vicente Risco, coa presidenta Celia Pereira Porto á cabeza, entregaba esta fin de semana en Allariz a medalla da Fundación Vicente Risco á Unión Deportiva Ourense, representada polos vicepresidentes Carlos Quintairos e  Javier Orbán. 

O acto, moi emotivo tal e como transmitiron os asistentes, incidiu na necesidade de colaboración entre os distintos axentes sociais na reivindicación da cultura e da lingua galega. “Este é un camiño que comeza aquí e que nos ten que levar da man moi lonxe”, dixo a presidenta Celia Pereira, quen salientou o vínculo entre o labor a prol da cultura e a lingua galega realizado pola UDO co feito no seu día pola xente da Xeración Nós. 

Carlos Quintairos recolleu a medalla e agradeceu este recoñecemento, destacando o importante que resulta para o proxecto da Unión Deportiva Ourense e o pulo que significa de cara ao futuro. “A lingua oficial da UDO é o galego dunha forma inclusiva, aberta e colaborativa”, dixo Quintairos, para quen a medalla supón un premio adicional e a constatación de que este é o camiño correcto. Pola súa banda, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, destacou a capacidade de unión que ten o deporte e a importancia de ter referentes, en especial, para as xeracións máis novas. 

Esta interacción entre o mundo do deporte e o da cultura “é altamente enriquecedora e racha barreiras e estereotipos para achegar institucións e persoas arredor da idea común do sentimento de pertenza a unha comunidade e a unha cultura, o que nos fai máis ricas e fortes”, declaraban dende a fundación, ao tempo que subliñaban o feito que nesta tempada o equipo ourensán luciu na súa equipación simboloxía da xeración Nós e o logo da revista campaba no marcador do Couto.

Te puede interesar