Allariz participará nun novo proxecto turístico

Casa da Cultura en Allariz.
photo_camera Casa da Cultura en Allariz.

A vila de Allariz acollerá o venres 26, na Casa da Cultura, ás persoas das diferentes comunidades autónomas que guían este proxecto participativo. O proxecto piloto, chamado “O Camiño da Economía Social e Solidaria”, ten como obxectivo dar visibilidade e valorizar as cooperativas, proxectos e iniciativas de diferentes sectores con base nunha economía alternativa e responsable a través da creación de experiencias turísticas sustentables.

Entre Galicia, Castela e León, A Rioxa, Aragón e Cataluña, xa son máis de 180 iniciativas interesadas en formar parte e poder ofertar experiencias turísticas alternativas como complemento á actividade principal dos seus negocios. No caso de Galicia, se ben están vinculadas 40 iniciativas, até o momento só están sendo probadas na plataforma web nove experiencias que inclúen a divulgación e protección a través de actividades de snorkel nas Illas Cíes; experiencias gastronómicas con productos locais e ecolóxicos; obradoiros de agricultura ecolóxica e rexenerativa; obradoiros de ilustración con enfoque na natureza; obradoiros de pan para crianzas ou propostas enfocadas na cultura e música.

O acto terá lugar ás 10,00 horas e realizarase a presentación do proxecto turístico e os resultados obtidos até o momento: quen fai parte, quen e como pode facer parte, e a plataforma web na que se visibilizan as experiencias.

Posteriormente, ás 12,00 horas, intervirá a Asociación Aethnic de Cataluña; María López, da área de Promoción Económica, Turismo e Comercio do Concello de Allariz; Eva González, do GDR Limia- Arnoia; Nelson Alonso, da cooperativa galega Carabuñas; Uxi Delgado e Ángela Millán, como equipo técnico do proxecto, e Ana Lorenzo, presidenta de REAS Galicia.

Te puede interesar