Allariz premiará o uso do galego nas transaccións comerciais

Eu merco en Allariz, eu merco en galego (4)
photo_camera As concelleiras de Normalización e Promoción Económica, Olga Quintana e María López.
Sortearanse premios de ata 100 euros para mercar no comercio local e dous lotes de libros de Xela Arias 

Baixo o lema “Eu merco en Allariz, eu merco en galego”, o Concello alaricano -a través das concellerías de Promoción Económica e Normalización Lingüística- promoverá entre os vindeiros días 14 e 18 de maio unha campaña  de apoio ao tecido comercial, ao tempo que promociona o uso do galego nas transaccións económicas da vila. 

Segundo explicaron dende estas áreas, procurarase que se atenda  á clientela e aos provedores preferentemente en galego e que todos os rótulos, carteis e  publicidade, xunto con elementos exteriores, estean tamén nesta lingua.  Tamén se busca estimular á clientela galegofalante a que manteña a súa lingua habitual nas relacións comerciais e animar a que fale na lingua propia aquel que non o fai habitualmente. 

Preténdense, en definitiva, reforzar “os valores positivos”  que pode engadir o galego na comunicación comercial e, por este motivo, todas as persoas que realicen compras entre os próximos 14 e 18 de maio nos establecementos de Allariz que se acollan á campaña recibirán un adhesivo  e  poderán optar a dous premios de 100 euros para mercar no comercio local, así como dous lotes de libros de Xela Arias, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Por último, o Concello  pon a disposición do sector comercial o enderezo electrónico [email protected] para dúbidas sobre o uso do galego. 

Te puede interesar