Allariz súmase á rede de Municipios pola Agroecoloxía

MERCADO DA RESERVA DE ALLARIZ
photo_camera Postos de venda no mercado dos sábados.
Tal e como explicaron dende o Concello, Allariz foi invitada a formar parte deste colectivo por ter posto en marcha iniciativas na liña desta filosofía sustentable

Logo da pertinente aprobación en sesión plenaria, o concello de Allariz vén de incorporarse á Rede Municipios pola Agroecoloxía, organismo que ten como obxectivo axudar ás administracións a construír sistemas alimentarios locais sostibles, resilientes e respectuosos co Medio Ambiente; sendo a primeira localidade galega en facelo e sumándose a outros lugares como Barcelona ou Valladolid.

Tal e como explicaron dende o Concello, Allariz foi invitada a formar parte deste colectivo por ter posto en marcha iniciativas na liña desta filosofía sustentable coma o Mercado da Reserva da Biosfera, o proxecto de gandería en extensivo local de Carne de boi de Allariz ou o programa “Re” de reutilización e reciclaxe. Tamén outras moitas propostas de carácter privado que se desenvolven no concello de Allariz coa colaboración da mesma administración local, coma o centro de Educación Medioambiental do Rexo -co seu queixo de ovella-, a cooperativa Ecoleia de leite ecolóxico, Petelo -produción de fariña de castaña e transformados-, Mimá -horta ecolóxica con tracción animal- ou xabóns de leite de burra -Asociación Andrea-.

Precisamente, o pasado mércores o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela, participaba no encontro web “Mercados agroecoloxicos, explorando na coxestión”, onde compartiu experiencias con outros municipios.

Te puede interesar