politica

O BNG de Allariz incorpora a Anxo Quintana na súa lista

Unha reincorporación que se produce tres anos despois de que o exvicepresidente da Xunta abandonara a formación política

O exvicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, reapareceu na lista do BNG para as eleccións locais do próximo 26 de maio no municipio do que foi alcalde máis de dez anos, e despois de abandonar a formación da que foi líder entre 2003 e 2009. "Un motivo de alegría", para a portavoz nacional da formación nacionalista, Ana Pontón.

A volta a unha candidatura do Bloque de Quintana é simbólica, como número 22 da lista de suplentes da candidatura que encabeza Cristina Cid para e na que lle segue, como número 23 e con ese mesmo sentido de recoñecemento, Francisco García, que foi o sucesor do exvicepresidente da Xunta na Alcaldía de Allariz e rexedor durante as últimas dúas décadas.

Anxo Quintana deixou o BNG en marzo de 2016 e despediuse a través dunha carta á militancia de Allariz na que explicaba as súas razóns para darse de baixa polas diferenzas coa dirección, xa capitaneada por Ana Pontón.

"Doume de baixa do BNG, que non de nacionalista, e aínda que hoxe non haxa ningún partido no noso país desde o que o poida facer, a miña vontade estará sempre disposta a colaborar na construción nacional de Galicia", subliñou daquela.


Quintana argumentou que, en todos os casos "procurou sempre colaborar co proxecto", desde a súa "humilde achega persoal como militante". "Unhas veces tocoume ser militante de base e outras ocupar importantes responsabilidades. De todas as etapas gardo grato recordo e agradecemento para a organización e os compañeiros que me outorgaron tan alta representación e cos que compartín traballos, ilusións, alegrías e pesares", sinalou naquela carta fai tres anos.

Ao ser preguntada na presentación do programa do BNG para as xerais, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, dixo que é "un motivo de alegría" e que "vén demostrar que moita xente se está sumando ao BNG, que é unha alternativa política propia".

Te puede interesar