O BNG promete humanizar o casco histórico de Maceda

Encontro de Noa Presas -no centro- co BNG macedao
photo_camera Encontro de Noa Presas -no centro- co BNG macedao
O BNG ve o 18-F como unha oportunidade histórica para que haxa un cambio galego e que o BNG estea liderando o goberno, “é a garantía de que as demandas da veciñanza de Maceda se escoiten e se atendan”

Neste sentido, o BNG avanza que modificará o proxecto de humanización do casco histórico de Maceda con tres obxectivos chave: mellorar a rede viaria e a accesibilidade, pór en valor o gran patrimonio cultural e corrixir as deficiencias que presenta a rede de abastecemento de auga e o saneamento das residuais.

A cabeza de lista do BNG ao Parlamento de Galiza, Noa Presas, e os candidatos 2 e 3, Iago Tabarés e Sonia Vidal, mantiveron unha reunión co tenente de alcalde de Maceda, Celso Sánchez, e a concelleira Begoña Conde, para falar sobre o proxecto comezado pola Xunta de Galiza para a capa de rodadura e reparación de beirarrúas e mellora da accesibilidade en Maceda. En concreto, no casco histórico

Segundo lembra a organización nacionalista, o acondicionamento e mellora viaria, demandada desde hai tempo, atinxe ao casco histórico de Maceda que, polo seu gran valor patrimonial está protexido polo propio Plan de Urbanismo do Concello. No concreto, a intervención estase a desenvolver nas dúas rúas principais, Aureliano Ferreiro e As Canteiras.

“Estamos a constatar a existencia de importantes deficiencias na execución da obra” subliña o candidato do BNG por Ourense. Iago Tabarés sinala que, no proxecto formulado polo Partido Popular na Xunta de Galiza, continúa “sen estar garantido o respecto ao valor patrimonial e cultural da vía”. Segundo explica Tabarés, a substitución dos lastros por formigón compromete tamén a seguridade peonil, unha afectación estética e empeora a calidade medioambiental da vila.

Te puede interesar