Un caldo de gloria para festexar o día de Rosalía en Allariz

undefined
photo_camera Membros da Corporación local xunto a hostaleiros alaricanos na presentación.
Os alaricanos lembrarán á escritora galega no día do seu nacemento

O vindeiro 23 de febreiro cumpriranse 186 anos do nacemento de Rosalía de Castro e, como é habitual en Allariz, proxectaranse varias iniciativas conmemorativas coas que, ademais, se pretende animar as visitas, especialmente, durante toda a fin de semana. 

O propio mércores, día 23, terá lugar a inauguración dunha exposición que levará por título o Herbario de Rosalía. Con esta mostra lembraranse as preto de 150 plantas e flores que a escritora galega citou na súa obra. A área de Cultura do Concello de Allariz contou para esta iniciativa coa colaboración do alumnado do CEIP Padre Feijoo e do IES de Allariz. Todos levarán a cabo un acto poético musical que terá dunhas quendas, unha ás 12,00 horas e outra ás 19,00 horas. Durante a fin de semana tamén se poderá visitar este espazo, que ampliará o seu horario: O sábado, de 12,00 horas a 14,00 horas, e de 17,00 horas a 20,00 horas. O domingo soamente estará aberto de 12,00 horas a 14,00 horas. As persoas que se acheguen a visitar a exposición recibirán de agasallo un marca páxinas conmemorativo do Día de Rosalía.

Por outro lado, os hostaleiros tamén se sumarán a esta conmemoración. Do 23 ao 26 de febreiro, nos 13 establecementos participantes servirase o caldo de gloria, un prato que a propia Rosalía describía no poema “Miña casiña, meu lar”. A escritora explicaba por aquel entón de que xeito se podía elaborar un caldo humilde. Os establecementos participantes estarán identificados cun vinilo no que se poderá ler “Aquí hai caldo de gloria”. A esta iniciativa tamén se unirá este ano o CEIP Padre Feijoo de Allariz, que incluirá no seu menú do 23 de febreiro o caldo de gloria.

A Fundación Rosalía de Castro cederá manteis conmemorativos.

Te puede interesar