Un caldo que sabe a gloria

Dende este xoves e ata o domingo, a hostalería de Allariz ofrece o caldo de gloria de Rosalía de Castro, un caldo “humilde” que continúa quitando o frío e animando os corpos. Trátase dunha das iniciativas para conmemorar o nacemento da escritora.

Fala Rosalía, no seu poema “Miña casiña, meu lar” , dunha muller que, con escasos recursos, procura sair adiante no seu día a día. Tamén de como é quen de elaborar, malia a nula axuda dos seus veciños, un “caldo de gloria”  con fariña, coles, auga, unto e sal. 

Este xoves cumpríanse 186 anos do nacemento da escritora galega e moitos establecementos hostaleiros alaricanos -un total de 13- ofrecían aos seus clientes unha tapa do caldo “humilde” de Rosalía que, preto de dous séculos despois, continúa curando o frío e animando os corpos. 

Rosa Molina, cociñeira da Casa Pepiña de Allariz, era a encargada de facer a maxia este xoves. O proceso de cocción, “moi lentiño”, e o listado de ingredientes algo máis longo que no ano 1800: “O caldo leva unto, que é a base fundamental; repolo, grelo, pataca, e faba. Hai que cociñalo durante unhas tres ou catro horas”, conta a cociñeira. “Antes botábase a verdura, grelo ou verza, que había no momento”, engade. Dende onte e ata este domingo, todas as persoas que se acheguen aos restaurantes con vinilo identificativo poderán saborear o caldo de gloria de Rosalía. No caso da Pepiña, en tapa gratuita ou en ración, esta última por un prezo que ronda os catro euros. “Moita xente di, cando o proba, que lle recorda a cando eran rapaces”, asegura Rosa, que cada dous días terá que cociñar unha pota grande -duns 30 litros de auga- de caldo. 

Francisco Borrajo, cliente fiel da Pepiña de Allariz, era un dos primeiros en degustar o caldo: “Está moi bo”, sentenciaba. 

O Día de Rosalía tamén se vivía de xeito especial entre os máis cativos de Allariz, que organizaban unha acción poética e cultural na Paneira para recitar os poemas máis coñecidos da autora de Follas Novas. Os escolares alaricanos prepararon, ademais, unha mostra que recolle preto de 150 prantas e flores que Rosalía citou no seu poemario. Para facilitar as visitas, esta fin de semana ampliarase o horario da Paneira: O sábado estará aberta de 12,00 horas a 14,00 horas e de 17,00 horas a 20,00 horas. O domingo poderá visitarse de 12,00 horas a 14,00 horas.

O Concello de Allariz agasallará aos visitantes cun marcapáxinas conmemorativo nunha fin de semana que servirá para celebrar, dende a vila alaricana, a Rosalía de Castro e á cultura gastronómica galega.

Te puede interesar